A Semana Gandeira de Mazaricos rematou cunha poxa de gando e case 70.000 € de vendas

2 minutes read

A Semana Gandeira de Mazaricos 2023 finalizou este domingo coa celebración dunha nova edición da poxa de gando frisón Memorial José Moreira no recinto feiral da Picota. Varios centos de persoas pasaron por un evento onde se venderon 22 cabezas de gando, por un valor total próximo aos 70.000 euros. O maior prezo alcanzado foi de 5.450 euros.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, máis o conselleiro de Medio Rural, José González, estiveron presentes durante a poxa. O alcalde puxo en valor o traballo de todo o sector e da Administración en Mazaricos para converter a Semana Gandeira nun evento referencial de ámbito galego e por transformar o municipio nunha potencia leiteira en Galicia. Pola súa banda, o conselleiro salientou a necesidade de traballar na mellora da base territorial e na organización empresarial das explotacións.

Logo da poxa, repartíronse máis de 2.000 euros en premios achegados pola organización e patrocinadores, onde se incluíu desde produtos gastronómicos a material e servizos agrogandeiros, así como unha fin de semana de balneario.

Semana de actividades

A poxa puxo fin a unha semana intensa que incluíu, especialmente na fin de semana, actividades para todas as idades, con especial fincapé na idade escolar, así como exposición de servizos, unha gran sesión vermuuu, concursos de fotografía e postres e xogos populares. Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre a situación e o futuro do sector lácteo, coa participación do presidente dos Gandeiros de Mazaricos, Óscar Blanco; o especialista do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo César Resch, e Jesús Combarro, director de Abanca Agro, sendo conducido o evento polo alcalde, Juan Blanco.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?