O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que se sitúa por riba do 80%. No caso de Ferrol, Ourense Santiago de Compostela, a Mariña lucense ou Ribeira Sacra a ocupación foi incluso maior, situándose entre o 90% e o 100% nalgúns casos.
Por provincias e territorios, destacou o bo comportamento da provincia da Coruña, onde Santiago e a Coruña cumpriron expectativas de ocupación, situadas arredor do 80% que foron dun 90% en Ferrol durante os días grandes mentres que a Costa da Morte a ocupación foi arredor do 60%.
Na provincia de Pontevedra, Sanxenxo tamén marcou unha media de ocupación do 80% das súas prazas hoteleiras, que incluso rondou o 90% nos hoteis de máis categoría. En Vigo a ocupación quedou arredor do 70% mentres que na provincia de Lugo foi a Mariña lucense a que acadou as mellores cifras de ocupación, cun 75%, xunto á Ribeira Sacra en que a ocupación estivo arredor do 80%, con cifras incluso superiores nos establecementos de turismo rural.
Finalmente a provincia de Ourense non quedou atrás, marcando unha ocupación de xoves a domingo arredor do 80%. En termos xerais cumpre destacar que os establecementos turísticos con maior categoría e os rurais foron as tipoloxías reguladas que marcaron os mellores resultados de ocupación na que foi a primeira Semana Santa sen apenas restricións e na que os viaxeiros amosaron non só gana de viaxar se non que tamén se decantaron por destinos turísticos de calidade e seguros como é o destino Galicia.
