A sexta edición de Unvex traerá a Galicia a máis dun cento de expertos en drons


Unvex, o maior evento de vehículos non tripulados que se celebra en España, dará cita aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector os días 7, 8 e 9 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, na Escola Naval de Marín e no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) en Castro de Rei (Lugo).

Unvex ten confirmadas preto de 70 empresas expositoras que amosarán as súas novidades tecnolóxicas nos máis de 2.500 metros cadrados de exhibición, entre os que destacan compañías tractoras do sector aeroespacial así como pequenas e medianas empresas e operadoras.

No congreso abordaranse a aplicación e casos de uso de drons nos servizos públicos, a utilidade de sistemas aéreos, terrestres e mariños remotamente tripulados en seguridade e emerxencias así como a relevancia da I+D+i e as oportunidades de emprego cualificado que xera este sector.

O programa de conferencias contará con 120 poñentes en 22 sesións, que traerán a Galicia a destacados actores do sector, entre os que se atopan representantes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA); da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA); da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE); do órgano xestor da navegación aérea en España, Enaire; do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA); do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; do Ministerio de Ciencia e Innovación; da Axencia Europea de Control de Pesca (EFCA); do Centro Tecnolóxico para o Desenvolvemento Industrial (CDTI); da Axencia Europea de Defensa ou da Frota de Vixilancia Terrestre da OTAN, entre outros.