O mal estado da estrada autonómica AC-414 foi o centro do debate neste último consello parroquial de Goiáns. A veciñanza vén solicitando o arranxo da vía desde a primeira xuntanza do consello parroquial no ano 2017, e esas reclamacións foron trasladadas ano tras ano desde o Concello de Carballo á Xunta de Galicia, titular da vía, pero a falta de mantemento provoca un deterioro cada vez maior, que nos últimos días chegou ao Parlamento de Galicia a través dunha iniciativa do BNG.
Despois dun intenso debate que se prolongou durante unha hora, e no que interviñeron tanto a veciñanza coma representantes dos tres grupos con representación na corporación, entre eles os dous concelleiros que tamén son deputados no Parlamento de Galicia polo BNG e polo PP, adoptouse a decisión de agardar á entrevista que o alcalde, Evencio Ferrero, e un técnico municipal manterán o vindeiro 1 de decembro co director da Axencia Galega de Infraestruturas, para saber que solución propón a Xunta de Galicia ao estado actual da vía.