A soldadura do carril, principal hipótese do accidente de Adamuz

1 minutes read

O presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), Ignacio Barrón, asegurou este luns que a «causa principal» do descarrilamento do tren Iryo en Adamuz, en Córdoba, foi a rotura dunha soldadura o que fixo que os vagóns traseiros do tren Iryo descarrilasen, invadisen a vía contigua e provocasen o impacto co tren Alvia que circulaba en dirección contraria. O carril roto, con número 312592Y101, saíu da fábrica de ArcelorMittal en 2023, foi fornecido a Adif en 2024 e instalouse no lugar do sinistro entre maio e xuño de 2025. Barrón móstrase «plenamente convencido de que imos chegar ao fondo, non só de saber que rompeu, senón por que e como se podía evitar», e cre que esta semana empezarán a ter «probas máis contundentes». Os investigadores tratan de esclarecer ata que punto ese fallo influíu na rotura do carril ou se concorreron outras circunstancias técnicas que poidan explicar o colapso do material xusto antes do paso do tren, aínda que para iso deberán esperar a que se coñezan as análises metalúrxicas e a acta da soldadura, que indica quen, como e cando a fixo.