- A Xunta de Goberno Local volveu a sacar a licitación o proxecto por 158.277,14 euros
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este luns o expediente de contratación das obras de pavimentación de varios espazos urbanos destinados a aparcamento. Esta é a segunda vez que se licitan estes traballos despois de que a única empresa que se presentara á primeira oferta entrase en concurso de acreedores.
Pero este proceso tamén se viu afectado polo forte incremento dos prezos do material de construción, un problema que afecta ás empresas e ás administracións de todo o Estado e que, neste caso, puido solucionarse cunha revisión do proxecto. Entre o primeiro, de xuño do 2021, e o actual, que ten data de marzo do 2022, a suba estimada acada o 22,54%, de xeito que o prezo de licitación pasa de 129.161,73 a 158.277,14 euros.
As actuacións están previstas nos seguintes espazos de aparcamento: Pazo da Cultura (2.250 metros cadrados), rúa Perú (2.250 metros cadrados), rúa Río (700 metros cadrados), Fórum Carballo (1.000 metros cadrados) e os depósitos de auga (2.200 metros cadrados). En todos os casos os traballos inclúen a explanación, sumidoiros, gavias e pavimentación con aglomerado. Tamén se realizará a sinalización horizontal e vertical e instalaranse luminarias onde sexa preciso.
O Concello de Carballo conta cunha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) de 64.580,86 euros, dentro do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable MOVES II.
Ademais dos traballos de aglomerado que se levarán a cabo nestes cinco aparcamentos, a Brigada Municipal de Obras iniciou esta semana o acondicionamento doutros espazos destinados ao estacionamento de vehículos, como na rúa do Pan, que manterán polo momento o pavimento de zahorra.