A Subdelegación do Goberno na Coruña completa esta semana unha nova entrega de 357.500 máscaras aos concellos da provincia, no que supón o noveno operativo destas características promovido polo Goberno de España. Neste dispositivo entregaranse en total 617.500 máscaras, incluídas as destinadas a entidades sociais, que sumadas ás xa distribuídas con anterioridade fan un total de 2.694.500 unidades.
A subdelegada do Goberno, María Rivas López, entregou a parte que lles corresponde aos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo, Ferrol, Santiago e Carballo, nun acto na Coruña ao que acudiron representantes destes concellos maiores de 20.000 habitantes.
María Rivas trasladou o agradecemento, que fixo extensivo a todos os concellos da provincia, polo labor desenvolvido polos municipios durante a crise sanitaria, que foi fundamental para atender ás necesidades da cidadanía, especialmente das persoas máis desfavorecidas e vulnerables así como aos sectores esenciais da sociedade.