A superficie de monte ordenado en Galicia acada preto do medio millón de hectáreas


Galicia dispón na actualidade de preto de medio millón (497.532,75) de hectáreas de superficie forestal ordenada, é dicir, que conta con instrumentos de ordenación e xestión forestal. Con esta cifra, supérase amplamente o obxectivo marcado na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” para o final do ano 2025, que se situaba na contorna das 380.000 hectáreas. Ademais, é previsible que ao remate da execución da orde de axudas do 2022 se teña acadado o fito previsto no devandito Plan Forestal para o ano 2030, cunha superficie forestal ordenada superior ás 545.000 hectáreas.

Precisamente acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para fomentar a ordenación forestal correspondentes á convocatoria de 2022, que tiveron 248 beneficiarios por un importe de máis de 1,6 millóns de euros e unha superficie ordenada de preto de 57.000 hectáreas en toda a comunidade autónoma.

Así, a finalidade destas subvencións é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Nesa liña, estes fondos permiten financiar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentos simples de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.