A Tarxeta Xente Nova xa permitiu viaxar gratis a 112.000 mozos menores de 21 anos


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a Tarxeta Xente Nova permitiu xa viaxar gratis en autobuses interurbanos a 112.000 mozos menores de 21 anos e avanzou que, de cara ao vindeiro curso académico, porase en marcha a plataforma móbil para facilitar o seu uso, sen necesidade de activar a tarxeta moedeiro nin de adiantar os cartos.

Durante o acto con motivo do primeiro aniversario do seu funcionamento, no que tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, Rueda incidiu no éxito desta iniciativa que tamén opera en Vigo no transporte da Ría e no tren de vía estreita da comarca de Ferrol. Non en van, as familias dos mozos beneficiarios levan aforrado desde a súa posta en marcha máis de 14 millóns de euros; “e, só neste ano, destinaremos 7 millóns a este servizo”, aseverou, explicando, a modo de exemplo, que un rapaz de Noia que viaxe todos os días en bus á Universidade de Santiago durante o curso, aforrará arredor de 1.200 euros.