A tecnoloxía alíase co programa ‘Xantar na Casa’

1 minutes read

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, deu conta das melloras nos campos tecnolóxico, de prevención da dependencia, de acompañamento e medioambiental que se está a introducir no programa de atención alimentaria a domicilio Xantar na Casa. 

Nestes momentos se están a instalar sensores nas neveiras e microondas dalgúns usuarios do servizo. Estes dispositivos facilitan un seguimento axeitado das pautas de alimentación, en especial daquelas persoas con deterioro cognitivo, e ademais permiten a prevención e detección de situacións que poidan precisar de intervencións no ámbito social ou sanitario. Esta medida irase ampliando a aqueles usuarios que se considere oportuno, logo da valoración que fagan os técnicos do programa cos propios usuarios, coas súas familias e cos servizos sociais.

Outra novidade tecnolóxica que se está a aplicar neste programa, que este ano prevé chegar aos 2000 beneficiarios, é o etiquetado QR. A finalidade desta mellora é posibilitar que calquera persoa poida acceder a información relevante dos menús desde calquera dispositivo electrónico.