A tecnoloxía led do alumeado público de Carballo, protagonista no Enerxétika 2022

1 minutes read

A feira sectorial Enerxétika 2022 que se celébrase ata o sábado en Silleda. Dentro da programación deste xoves encadrouse a xornada técnica “Servizos enerxéticos para a mellora da eficiencia enerxética no sector municipal e no sector privado”, organizada pola Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética A3E, e na que participaron os concelleiros carballeses Iván Andrade e Luis Lamas, así como técnicos municipais, que expuxeron o caso de Carballo como concello pioneiro na implantación da tecnoloxía led ao alumeado público.

A apertura e presentación da xornada correu a cargo de Iván Andrade Tasende, que neste caso non asistía como concelleiro de Innovación, Formación e Emprego de Carballo, senón como xefe de proxectos de Energal e delegado de A3E en Galicia. No encontro, participaron tamén Antonio López-Nava, xerente de A3E; Juan Ignacio Rodríguez, director do departamento de enerxía do Inega; Pablo Rodríguez Regueira, director técnico de Energea; José Enrique Alcázar, enxeñeiro industrial do Concello da Coruña e co-autor da filosofía slowlight; David Pocero, director de eficiencia enerxética de Ferrovial.

Ademais doutras moitas sesións técnicas, o programa de Enerxétika inclúe como novidade o Salón da Innovación Enerxétika – SIE, que nace coa intención de poñer en valor a aposta dos sectores público e privado pola innovación, a sustentabilidade, o desenvolvemento das enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Así mesmo, nesta edición ponse a disposición do público un circuíto de probas de condución de vehículos eléctricos, híbridos ou de combustibles alternativos.