Un estudio da Fundación Matrix coa colaboración da Deputación da Coruña analizou os datos dos distintos concellos nos últimos 60 anos como parte do proxecto CLIMACO, que estuda o fenómeno do cambio climático recente na provincia da Coruña. Este estudio indica que a temperatura media anual experimentou un aumento de 0,7ºC de media no conxunto da provincia da Coruña entre os períodos climáticos (1961-1989) e (1991-2019). A temperatura media mínima anual experimentou un cambio a alza máis importante (+ 0,8 ºC) fronte á media máxima anual (+0,6ºC).
En palabras de Alberto González, investigador especialista en Climatoloxía da Fundación Matrix:
“O cambio climático é unha realidade incuestionable, e a provincia da Coruña non é unha excepción. Queremos levar os resultados desta investigación local aos máximos centros educativos e institutos posibles, para concienciar os mozos e mozas da importancia de comprometerse na loita contra o cambio climático”, concluíu.