O Concello de Carballo recibe o galardón na categoría de cidades medianas, compartido este ano coa localidade valenciana de Manises.
É a segunda vez que Carballo recibe un dos premios outorgados pola Red de Ciudades que Caminan. A primeira foi en 2018, en recoñecemento ás políticas municipais a favor da mobilidade peonil e da mellora do espazo público.
O novo premio pon o foco especificamente na transformación da contorna dos Baños Vellos, desenvolvida de maneira progresiva nos últimos anos para pacificar o tráfico, mellorar a accesibilidade, favorecer os desprazamentos a pé e recuperar espazo público para as persoas.
Para o concelleiro de Planificación Urbana, Juan Seoane, o premio “supón un recoñecemento moi importante a unha transformación que foi pensada e executada con visión de conxunto, non como unha sucesión de obras illadas”. Seoane destaca que “nos Baños Vellos fomos recuperando espazo para as persoas, mellorando a accesibilidade, incorporando máis vexetación e reforzando ao mesmo tempo a identidade histórica da zona. Que un xurado especializado valore precisamente eses aspectos confirma que o camiño que seguimos é o axeitado”.
Na súa valoración, de feito, o xurado destaca o bo concepto xeral da transformación das diferentes rúas contiguas, baseada na pacificación a favor da mobilidade peonil, así como o esforzo realizado no deseño urbano e a presenza da auga como elemento singular do proxecto. Tamén valora que a peonalización avanzase ano tras ano, con materiais de calidade e de acordo cun Plan Director que establecía obxectivos e criterios comúns de deseño para todo o ámbito.
A transformación foise executando por fases nas rúas Ourense, Pontevedra, Baños Vellos, Chile, Lugo e Estrela. Un dos aspectos especialmente singulares do proxecto é a recuperación da relación histórica do barrio coa auga. Na zona de estancia creada no cruzamento das rúas Ourense e Baños Vellos reproduciuse sobre o pavimento a antiga planta do balneario romano, documentada por Miguel Ferro Caaveiro en 1777, e incorporouse unha peza escultórica de Manuel Eirín. Deste xeito, a transformación non se limita a unha mellora funcional das rúas, senón que incorpora a memoria e a identidade do lugar ao novo espazo público.
Este novo recoñecemento chega poucos días despois de que o concelleiro de Planificación Urbana, Juan Seoane, presentase precisamente a transformación dos Baños Vellos no Laboratorio de Innovación Urbana de MATCOAM, en Madrid, como exemplo de boas prácticas en materia de espazo público, accesibilidade, sustentabilidade e adaptación urbana.
“Oito anos despois do primeiro premio, este novo recoñecemento demostra que Carballo non deixou de avanzar. Os Baños Vellos son un exemplo de como queremos transformar a vila: recuperando espazo para as persoas, mellorando a calidade urbana e facendo compatibles mobilidade, sustentabilidade e identidade. É un premio a un proxecto concreto, pero tamén a unha maneira continuada de construír Carballo”, sinala o alcalde, Daniel Pérez.
Os Premios Ciudades que Caminan 2026 serán entregados en Vitoria-Gasteiz, durante o congreso anual da rede. Nesta edición tamén foron premiadas Rivas-Vaciamadrid, Manises, Rafelbunyol, Viana do Castelo e Ontinyent.
