O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este mércores unha visita institucional ao Concello de Ferrol, onde foi recibido polo alcalde da cidade, Ángel Mato, e polos membros da corporación municipal.
Na primeira reunión oficial entre ambos mandatarios, González Formoso e Mato Escalona coincidiron en resaltar «o marco estable de colaboración» que une a ambas as administracións en cuestións como a mellora de infraestruturas, a promoción turística e do Camiño Inglés, a promoción do emprego, entre outros asuntos.
Neste sentido, Formoso destacou os 7 millóns de euros que a Deputación da Coruña investiu en Ferrol no pasado mandato, boa parte deles a través do Plan único e a mellora de infraestruturas viarias, pero tamén en cuestións estratéxicas coma o apoio a Exponav, no que a Deputación realiza a maior achega institucional.
Segundo explicou o presidente, a Deputación, en colaboración co Concello de Ferrol, está activando «unha actuación máis ambiciosa ao longo dos 2,25 quilómetros da travesía de Serantes, que supón un investimento global de cerca dos 2 millóns de euros planificada en catro fases».
González Formoso visitou tamén no Concello de Ferrol os transportistas da central térmica das Pontes, que estes días participan nun peche en dependencias municipais.