A tuberculose descende en Galicia un 80%

2 minutes read

Con motivo do Día mundial da tuberculose, Sanidade informa que, dende a posta en marcha do primeiro Programa galego de prevención e control desta doenza, no ano 1996, a incidencia da enfermidade descendeu de forma progresiva e constante. Así o confirman os datos recollidos no Informe anual da tuberculose en Galicia no ano 2020, que amosan unha diminución dun 80% no número de casos novos, pasando dos 1.963 en 1996 aos 393 no ano pasado. Isto tradúcese nun descenso por termo medio anual do 6,4%.

O 96,4% dos pacientes que iniciaron tratamento en 2019 curáronse, unha porcentaxe moi por riba do obxectivo da Organización Mundial da Saúde que é do 85%. A este bo dato contribuíu o traballo desenvolvido polos equipos das unidades de tuberculose de Galicia, que decidiron a necesidade de instaurar tratamento supervisado no 55,6% dos casos. A supervisión dos profesionais controlando a toma de medicación pode ser diaria, semanal ou con outra periodicidade, segundo os casos.

A incidencia da tuberculose bacilífera, é dicir, contaxiosa, pasou de 27,9 a 3,9 casos por 100.000 habitantes no período 1996-2020, o que representa unha diminución moi notable polo que implica da eliminación das fontes de infección na comunidade.

O 62,6% dos casos foron homes e o 37,4 % mulleres. Por grupos de idade, a maior incidencia foi no grupo de maiores de 74 anos. O tabaquismo destaca como principal factor de risco asociado, presente nun 23,9% dos pacientes. Segundo a localización da enfermidade, a máis frecuente foi a pulmonar, que representou o 63,4% dos casos. Deles, o 42,2% eran bacilíferos.

A incidencia da tuberculose en nenos menores de cinco anos, diminuíu de 58,9 a 3,3 casos por 100.000 habitantes no tramo que vai do ano 1996 ata 2020