A UAD de Carballo conta cun novo apoio de 30.000 euros da Deputación da Coruña

1 minutes read

A Deputación da Coruña contribúe con 30.000 euros ao mantemento da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Carballo.

Esta achega provincial articúlase a través do convenio que asinaron, na sede da institución provincial, o presidente Valentín González Formoso e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, nun acto ao que tamén asistiu a deputada de Benestar Social, Ana Lamas.

O presidente da Deputación subliñou que o convenio «contribúe a manter un centro que da servizo a 15 concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte e que o ano pasado axudou a 490 persoas» a abandonar os hábitos tóxicos.
Pola súa banda, o alcalde de Carballo agradeceu a colaboración que desde hai moitos anos vén prestando a Deputación para o sostemento do centro.

Ademáis de Carballo, a UAD da servizo a Camariñas, Fisterra, Malpica, Cee, Laracha, Muxía, Ponteceso, Coristanco, Laxe, Cabana, Vimianzo, Zas, Corcubión e Dumbría.

A Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo ofrece servizos de tratamento e prevención de consumo de drogas e alcohol, programa de incorporación social personalizada, actividades de investigación, docencia e coordinación con outros servizos sanitarios e sociais coma centros de saúde, centros penitenciarios ou servizo de Psiquiatría do CHUAC.

No seu cadro de persoal conta con médico, enfermeira, psicóloga, traballadora social e persoal administrativo para prestar unha atención integral aos usuarios e usuarias, tanto no eido médico coma no psicolóxico e social.