A UAD de Carballo recibirá 30.000 euros da Deputación

A Deputación da Coruña contribuirá este ano con 30.000 euros ao mantemento da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo.

Esta achega provincial articularase a través dun convenio que será referendado pola corporación provincial na sesión plenaria deste venres e que “contribúe a manter un servizo que existe desde 1994 e do que o ano pasado se beneficiaron 424 persoas dos 15 concellos de Carballo, Camariñas, Fisterra, Malpica, Cee, A Laracha, Muxía, Ponteceso, Coristanco, Laxe, Cabana, Vimianzo, Zas, Corcubión e Dumbría”, afirmou a deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas.

A Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo ofrece servizos de tratamento e prevención de consumo de drogas e alcohol, programa de incorporación social personalizada, actividades de investigación, docencia e coordinación con outros servizos sanitarios e sociais coma centros de saúde, centros penitenciarios ou servizo de Psiquiatría do CHUAC.

No seu cadro de persoal conta con médico, enfermeira, psicóloga, traballadora social e persoal administrativo para prestar unha atención integral aos usuarios e usuarias, tanto no eido médico coma no psicolóxico e social.