A UCGAL anima ás persoas afectadas pola cláusula dos gastos hipotecarios a reclamar

Firma contrato_Pixabay

  • O prazo para poder reclamar podería pechar en outubro deste ano

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) anima a todas as familias afectadas pola cláusula dos gastos hipotecarios a reclamar, xa que a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) dá esperanza aos afectados. O pasado 16 de xullo o TXUE pronunciouse sobre a cláusula de gastos hipotecarios (notaría, xestoría, rexistro, taxación e impostos) e tamén en relación coas comisións de apertura e os gastos dos procedementos xudiciais.

A esperada sentenza determina que o consumidor ten dereito, unha vez que a cláusula contractual sexa considerada abusiva, á devolución íntegra de todo o pagado en concepto de gastos hipotecarios, salvo o imposto de actos xurídicos documentados.

Na mesma sentenza o TXUE pronunciase sobre a comisión de apertura dunha hipoteca estipulando que dita comisión non pode considerarse unha prestación esencial dun préstamo hipotecario polo mero feito de que a comisión estea incluída no custo total deste. A entidade debe demostrar que o cobro desta cláusula corresponde a uns servizos concretos e efectivamente concedidos ao cliente.

Así mesmo o TXUE fai fincapé en que se unha persoa consumidora obtén a nulidade da cláusula e lle son restituídos os gastos derivados da mesma, é abusivo que se lle impoñan parte das costas do xuízo. Desde a UCGAL constatouse que houbo moitas persoas afectadas que non iniciaron un proceso xudicial por mor de que os gastos do procedemento chegasen mesmo a ser superiores ás contías reclamadas.

O prazo para poder levar adiante este proceso podería pecharse en outubro deste ano, así que desde a UCGAL animan ás persoas afectadas pola cláusula abusiva dos gastos hipotecarios a presentar a súa reclamación canto antes.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha