A UDC traballará na predición do risco de inundacións e do cambio climático


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co presidente do Padroado da Fundación da Universidade da Coruña, José María Barja, un acordo para desenvolver metodoloxías novidosas de predición do risco de inundacións e dos efectos do cambio climático.

Nun acto celebrado no reitorado da Universidade da Coruña e no que tamén participou o reitor, Julio Abalde, a conselleira explicou que esta colaboración permite sumar os esforzos e coñecementos para despregar novos métodos que se aplicarán como proxecto piloto en núcleos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a conca de responsabilidade da Xunta, e máis concretamente, na conca do río Verdugo e as rías de Vigo e Baiona.

O acordo supón un investimento de 170.000 euros, dos cales 135.000 son achegados pola Xunta a través de Augas de Galicia. Esta iniciativa conta co respaldo da Unión Europea, a través dos Fondos FEDER 2014-2020, dentro do obxectivo de potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación.