- Segundo o informe anual do servizo, a pandemia provocou a aparición de máis necesidades que chocan coa insuficiencia dos recursos existentes
A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños, atendeu no 2021 a un total de 113 nenos e nenas da comarca, que representan o 3,6% da poboación de 0 a 6 anos. A apertura dunha unidade de atención temperá na Laracha no segundo semestre do ano pasado non só non contribuíu a aliviar a saturación de Carballo, senón que a listaxe de agarda é cada vez máis longa e sitúase xa nos 202,7 días. «Este preocupante dato reforza a necesidade de ampliación que se vén demandando nos últimos anos dende o propio servizo», explicou a coordinadora da unidade de Carballo, Yaiza Antelo, na presentación do balance anual da UDIAF ante o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures.
Datos que estiveron moi condicionados pola pandemia, tanto polos protocolos de actuación como polas repercusións que tivo nos propios usuarios. Neste sentido, entre as conclusións do informe destaca que a COVID-19 provocou unha desestruturación do día a día propiciada pola perda da rutina casa-escola-ocio, o cambio das relacións cotiáns, a falta de espazos ao aire libre para xogar ou a facilidade de acceso á tecnoloxía. Entre outros datos, o informe tamén recolle que a idade media de acceso experimentou un leve aumento motivado pola ralentización dos procesos de detección nos servizos de primeira instancia que «son, principalmente, centros de saúde e colexios», afirmou Antelo. No 2021 a idade media situouse nos 3 anos, fronte aos 2,9 do 2020. Destaca a gran diferenza de usuarios por sexos: 72,6% foron nenos e un 27,4%, nenas.
Das 113 familias atendidas, o 63,7% son residentes no concello carballés pero ao servizo, que cumprirá oito anos a finais deste 2022, acoden nenos e nenas dos sete concellos da comarca de Bergantiños. En total realizáronse 1.666 prestacións de apoio personalizado e 480 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.
A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coa do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social para nenos e nenas de 0 a 6 anos. A súa sede está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo. O servizo é público e gratuíto. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.