A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños comeza o ano cun equipo reforzado grazas á recente incorporación de dúas novas profesionais, que, xunto coas existentes anteriormente, conforman un grupo de traballo interdisciplinario de cinco profesionais, todas a tempo completo. O presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponte, e a coordinadora do servizo, Yaiza Antelo, trasladaron a boa nova ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e á concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, nunha xuntanza celebrada na casa do concello.
O novo convenio entre AGAT e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia supón un incremento dos recursos que, segundo indicaron Jaime Ponte e Yaiza Antelo, permitirá reducir ou mesmo rematar coa listaxe de agarda. No ano 2022, no que as actuacións asistenciais estiveron condicionadas polos protocolos COVID ata o mes de abril, xa foi posible recuperar os niveis asistencias pre-pandemia e reducir a listaxe de agarda inicial de 53 a 36 casos ao remate do ano.
Neste 2023, ademais do reforzo de persoal, tamén melloran os recursos materiais da UDIAF, que dispón dunha área de psicomotricidade totalmente renovada grazas ao investimento realizado polo Concello.