A UE avanza nun tope ao prezo do gas


Os xefes de Estado e de Goberno conseguiron manter a aparencia dunha Europa unida e pediron á Comisión Europea decisións urxentes sobre un tope dinámico ao prezo das transaccións de gas. Ademais, queren ampliar a toda a UE a excepción ibérica, que regula o custo do gas para a produción de electricidade. Pero Alemaña, que non quere intervir nos mercados, pediu salvagardas que poden dificultar a aplicación final das medidas. «Non cremos que nun mercado global podamos dicir unilateralmente onde debe estar o prezo. O único que podemos facer é loitar contra a especulación no mercado, que dá informacións erróneas sobre os prezos reais. E por iso o dos picos, estes episodios de prezos excesivos do gas», explicou o chanceler de Alemaña, Olaf Scholz.

Os 27 tamén se puxeron de acordo en facer compras conxuntas de gas de forma voluntaria. Esta ferramenta permitirá á UE utilizar o seu peso comercial para negociar cos seus provedores «de confianza». Os líderes pecharon o cume con temas internacionais e, en particular, coas relacións con China. Ante o desafío xeopolítico que supón Pequín, os 27 reafirmaron a súa vontade de contar con independencia estratéxica a través da enerxía, a defensa e a innovación tecnolóxica.