A UE chega a un acordo para impoñer un tope ao prezo do petróleo ruso


Os países da Unión Europea alcanzaron este venres un acordo para fixar un tope ao prezo do petróleo ruso de 60 dólares por barril, como parte das represalias contra Moscova acordadas xunto ao G7 pola guerra contra Ucraína. Prohibirá ás navieiras europeas transportar o petróleo ruso a terceiros países se se vende a un prezo superior ao fixado.

Von der Leyen cre que o acordo da UE sobre un límite máximo do prezo do petróleo reducirá significativamente os ingresos de Rusia. «Axudaranos a estabilizar os prezos mundiais da enerxía, beneficiando ás economías emerxentes de todo o mundo», escribiu en Twitter a presidenta da Comisión Europea.