A UE condena a detención do xornalista bielorruso Roman Protasevich


Este incidente “non quedará sen consecuencias”, estas foron as palabras do presidente do Consello Europeo, Charles Michel, sobre a detención do xornalista disidente Roman Protasevich en Bielorrusia. Protasevich ía a bordo dun voo de Ryanair con destino a Lituania cando por unha falsa ameaza de bomba o avión tivo que aterrar de emerxencia en Minsk, onde as forzas de seguridade de Alexandr Lukashenko estaban a esperalo. Horas máis tarde, o avión continuou o seu roteiro, pero sen o xornalista.

Os líderes das principais institucións europeas esixiron a liberación inmediata do xornalista. Tamén o alto representante para a Política Exterior da UE, Josep Borrell, cualificou como “totalmente inadmisible” este incidente e fixo responsable ao Goberno de Bielorrusia “da seguridade de todos os pasaxeiros”. As tensións entre Lukashenko e a UE volven aumentar logo das denuncias de violencia policial sucedida nas protestas do ano pasado.

Centos de xornalistas foron detidos e case unha vintena atópanse en prisión desde o estalido das protestas na antiga república soviética, motivo polo que foi catalogado como o lugar de Europa máis perigoso para a prensa por Reporteiros sen Fronteiras.