Bruxelas e Londres aseguraron este luns que iniciaron «un novo capítulo» nas súas relacións tras alcanzar un acordo sobre o polémico Protocolo de Irlanda do Norte. O novo acordo, bautizado como acordo marco de Windsor, foi anunciado pola xefa da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o primeiro ministro británico, Rishi Sunak, tras unha reunión ao sueste de Inglaterra.
«Poida que o Reino Unido e a Unión Europea tivésemos as nosas diferenzas no pasado, pero somos aliados, socios comerciais e amigos, algo que vimos claramente este ano pasado cando nos unimos a outros para apoiar a Ucraína. Este é o comezo dun novo capítulo na nosa relación», explicou Sunak durante unha rolda de prensa conxunta durante a tarde do luns.
Pola súa banda, Von der Leyen afirmou que «o novo acordo marco de Windsor respecta e protexe os nosos respectivos mercados e os nosos respectivos intereses lexítimos, e o que é máis importante, protexe os avances pola paz do Acordo do Venres Santo, tan difíciles de conseguir para a poboación de Irlanda do Norte e de toda a illa de Irlanda».
A reunión von der Leyen-Sunak foi a segundo en menos de dúas semanas; a primeira celebrouse á marxe da Conferencia de Seguridade de Múnic a semana pasada. Chega tras múltitud de conversacións dun lado a outro da Canle da Mancha entre Maroš Šefčovič, principal negociador da UE para o Brexit, e o seu interlocutor británico, o ministro de Asuntos Exteriores James Cleverly. Mentres tanto, Sunak viaxou recentemente a Irlanda do Norte para sumar apoios para o acordo.