O Parlamento Europeo pide unha regulación máis esixente que obrigue os fabricantes a deseñar produtos que non xeren dependencia. Consideran que é un problema moi importante de saúde pública. Os consumidores mellor informados son conscientes do perigo para a saúde que supón a exposición a determinados xogos, redes ou apps. «As empresas crean algoritmos que nos fan xerar dopamina. Activan os circuítos neuronais da gratificación. A xente entra nunha espiral. Entras e despois non dás saído», son algúns dos testemuños que recollemos na rúa. Algúns usuarios, falan de secuestro da atención, e optan por regularse eles mesmos, non sen dificultade. En Europa din que unha técnica de márketing debe ter sempre o límite de non xerar deliberadamente adicción.