A UE quere impulsar o seu gasto militar e a cooperación en Defensa

1 minutes read

O impulso da defensa é unha das prioridades da actual presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que o pasado luns anunciou a súa candidatura a un novo mandato.

Tras a invasión rusa de Ucraína, os Estados membro da UE aumentaron progresivamente os seus gastos militares: dos 240 mil millóns de euros de 2022 a 280 mil millóns en 2023, e ata os 350 mil millóns previstos para 2024.

Agora a Unión quere máis cooperación. “Temos que gastar máis, temos que gastar mellor, e creo que temos que gastar dunha forma máis ‘europea’ para consolidar a nosa base industrial de defensa”, dixo von der Leyen.

O primeiro paso será a chamada Estratexia Industrial Europea de Defensa, que se presentará nas próximas semanas, segundo anunciou a xefa do Executivo comunitario.

Para dar forma a esa vontade política barállanse posibles ideas, como as compras comúns de capacidades militares, ou mesmo a emisión de débeda comunitaria para financiar gastos de defensa, como xa fixo a UE cos fondos Next Generation.