O temporal de choivas torrenciais cebouse este martes coas illas Baleares, especialmente, de Eivissa e Formentera, que activaron a alerta vermella por precipitacións torrenciais e obrigaron ao Govern balear a pedir o apoio da Unidade Militar de Emerxencias (UME). As precipitacións máis intensas producíronse entre as 12.30 e as 13.00 horas, e nalgunhas estacións meteorolóxicas chegáronse a rexistrar máis de 230 litros por metro cadrado. En numerosas localidades producíronse cortes de luz e os bombeiros tiveron que levar a cabo rescates en vehículos e vivendas.
Ademais, dúas persoas resultaron feridas de carácter grave por caídas. Unha delas é unha persoa maior que caeu por un sumidoiro cando tentaba cruzar a rúa, segundo detallou en declaracións o alcalde, Rafael Triguero. Outras catro persoas resultaron feridas leves despois de quedar atrapadas polo desprendemento de rocas sobre dúas plantas dun hotel en Eivissa, como consecuencia das inundacións e as intensas choivas da xornada.
A situación atópase xa baixo control, tal e como confirmou o propio Govern, e a Aemet rebaixou a alerta laranxa a situación a partir das 16.00 horas. A dirección xeral de Emerxencias rexistrou en total 132 incidencias polas choivas torrenciais, aínda que non se produciron vítimas mortais nin feridos de gravidade. «En principio, non temos que lamentar ningún dano persoal», asegurou o director xeneral de Emerxencias, Pablo Gárriz.