A Unesco inscribe o programa educativo galego Ponte…nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas


A decisión foi aprobada no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterialen Rabat, onde o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, encabeza a delegación galega acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez. Nesta sesión só acadaron esta distinción catro propostas a nivel internacional.

Tras a votación positiva da proposta conxunta de Galicia e Portugal, o responsable autonómico de Cultura destacou que a decisión supón un gran triunfo para todos os galegos e para o noso sistema educativo, xa que unha iniciativa nacida nas aulas galegas “será un exemplo para todo o mundo”. “Parabéns aos promotores polo traballo ben feito. Isto, sen dúbida, é un éxito seu e un recoñecemento ao traballo feito por todos os profesores e alumnos que ao longo de 27 anos participaron nesta iniciativa”, salientou o conselleiro. É a primeira vez que Galicia recibe este recoñecemento por parte da Unesco.