- O protocolo permite que pacientes de toda a Costa da Morte sigan recibindo o seu tratamento grazas á colaboración de centros de saúde e concellos
A Unidade de Condutas Adictivas (UCA) de Carballo está traballando cun protocolo de dispensación domiciliaria de metadona co obxectivo de evitar que os pacientes que deban permanecer confinados nos seus domicilios por COVID-19, ou por ser contactos estreitos dun positivo de coronavirus, vexan interrompido o seu tratamento.
Grazas a esta iniciativa, pioneira en Galicia, e á colaboración tanto dos centros de saúde coma dos concellos, pacientes de toda a Costa da Morte poden seguir recibindo o seu tratamento con derivados opiáceos e/ou outros psicofármacos que antes se lles dispensaba na propia UCA.
Despois dunha experiencia piloto en Carballo, na que colaboraron tanto a Concellaría de Igualdade, Benestar e Sanidade coma o Servizo Municipal de Protección Civil, no mes de setembro iniciouse unha rolda de contactos co persoal técnico dos servizos sociais dos outros 14 concellos da área de influencia da UCA para solicitar a súa colaboración e establecer as pautas de funcionamento do protocolo. “A implicación foi absoluta”, destaca a directora da UCA, Lourdes Suárez.
Agás que a situación clínica non o faga aconsellable, o paciente recibirá o tratamento correspondente a todo o confinamento e estará sometido a un seguimento de avaliación.
As persoas que precisen información concreta poden dirixirse á Unidade de Condutas Adictivas, situada na Praza do Médico Eduardo Mariño (antigo ambulatorio, xunto ao centro de saúde de Carballo) previa cita no teléfono 981 756 275.