A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños atendeu a 142 familias en 2019

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) abriu as súas portas a finais de 2014, é un servizo público e totalmente gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños. O contacto pode realizar a través da propia sede na Avenida do Ambulatorio número 39 de Carballo, no correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410. Na actualidade a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 1 psicóloga, 1 psicomotricista, 1 logopeda e 1 administrativo.

A unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento aos nenos e nenas de 0 a 6 anos. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos dende outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: evolutivos, afectivo- emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos.

Segundo consta na memoria de actividades, no ano 2019 foron atendidas 142 familias, realizáronse 2.408 prestacións de apoio personalizado e 505 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. Debido ao incremento da demanda, a demora asistencial aumentou ata os 90 días de promedio.