Así, o primeiro lume esclarecido foi o rexistrado o xoves en Rubiá, parroquia homónima, actualmente controlado afectando unhas 200 hectáreas provisionais. Tras os pertinentes traballos de comprobación sobre o terreo, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais puido establecer que a presunta orixe do incendio foi unha cabicha mal apagada. Neste senso, estase a traballar na investigación completa conxuntamente co Servizo de protección da natureza (Seprona) da Garda Civil de Ourense para que verifiquen a procedencia dese elemento mediante proba de ADN, continuando así coas dilixencias oportunas. Cómpre engadir que no control deste lume levan participado 4 técnicos, 18 axentes, 40 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 9 avións e 10 helicópteros.
O outro incendio esclarecido é un que se rexistrou o venres en Carballeda de Valdeorras, parroquia de Sobradelo, tamén controlado nestes momentos tras afectar provisionalmente menos dunha hectárea forestal. Unha vez no terreo, os axentes da UIFO puideron determinar que a presunta causa neste caso foron varias chispas procedentes da catenaria do tren que orixinaron, cando menos, dous focos de lume. Cabe sinalar que para atallar este incendio mobilizáronse un total de 2 técnicos, 5 axentes, 13 brigadas, 8 motobombas, 4 avións e 5 helicópteros.
Cómpre apuntar que a UIFO, creada no Pladiga deste ano, está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte, e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que se centran especificamente e con maior intensidade na investigación dos lumes, como é o caso que nos ocupa.