A Unidade Mixta da EDAR de Bens cambiará a un modelo enerxético máis sustentable


Intervención do vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións da EDAR de Bens, na Coruña, con motivo da presentación da consolidación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) de Gas Renovable. Destacou que esta iniciativa suporá un cambio cara a un modelo enerxético máis eficiente e sustentable da cidade herculina que podería ser extrapolable a toda Galicia.

A UMI, na que colaboran Naturgy e EnergyLab coa EDAR de Bens, entra en fase de consolidación para seguir avanzando no seu obxectivo de producir biogás a partir dos residuos que se xeran na estación de augas residuais, axudando a que Galicia siga dando pasos adiante no eido da bioeconomía e da economía circular en sectores como o tratamento de residuos. Contará cun investimento público-privado de 4,2M€.

Nesta fase de consolidación, ata 2023, desenvolveranse cinco liñas de investigación que afondarán nos sistemas de produción de gas pero tamén no estudo doutros gases renovables como o hidróxeno verde. A finalidade é medir o impacto do uso destes gases renovables coa súa inxección á rede ou na mobilidade urbana. Así, vaise instalar un módulo de inxección á rede para avanzar nas posibilidades que se abren neste sentido e que poderían cubrir as necesidades enerxéticas anuais de preto de 2800 vivendas e xerar combustible para abastecer ao ano unha frota de 3000 turismos ou de máis de 60 autobuses. O vicepresidente económico destacou a contribución desta iniciativa para implantar en Galicia un modelo de economía circular no que os residuos xerados pola cidade se transforman en recursos enerxéticos.