A Unión de Consumidores de Galicia analiza os dereitos do consumidor turista en Braga

2 minutes read
  • O secretario de Estado da Defensa do Consumidor, João da Silva Torres, inaugurou a xornada, na que participaron case un centenar de persoas

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e a Asociación Portuguesa Para a Defensa do Consumidor (DECO) organizaron este venres na cidade de Braga o foro Turismo sen fronteiras: os dereitos dos consumidores. A xornada, celebrada na Biblioteca Lúcio Craveiro Da Silva, tiña como obxectivo analizar o funcionamento do turismo transfronteirizo entre a comunidade galega e o norte de Portugal, así como as problemáticas que afectan aos diversos axentes que nel interveñen.

O foro, que contou con case un centenar de asistentes, abriuse coa mesa redonda Os novos camiños para o turismo transfronteirizo na que participaron a directora xeral da DECO, Ana Tapadinhas; o presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martins; o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro Castiñeiras; e o secretario de Estado da Defensa do Consumidor, João da Silva Torres.

A emprendedora e consultora en turismo sostible e ecoturismo e representante para España do Consello Global de Turismo Sostible, Susana Conde, puxo enriba da mesa as diferentes problemáticas que envolven ao turismo actual (acceso a vivenda, calidade dos servizos) e as solucións a adoptar para que a actividade turística se desenvolva dun xeito harmonioso para locais, visitantes e medio ambiente.

Nesta liña, integrantes da UCGAL e da DECO comentaron as súas experiencias como turistas na súa viaxe ao norte de Portugal e a Galicia, respectivamente. Un relato no que sinalaron os aspectos positivos e negativos das súas relacións de consumo, desde a operativa das peaxes, o servizo dos locais nos que se aloxaron ou comeron ata a accesibilidade a monumentos e puntos de interese turístico. Rocío Arnoso Moure, directiva da UCGAL, e a xurista da DECO, Lúcia Miranda, tomaron como referencia a lexislación en materia de consumo de ambos os dous territorios para avaliar a viaxe.

A mesa O consumidor turista: preocupacións e desafíos reuniu a Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Galicia; José Antonio García Jurjo, presidente da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés; Altino Bessa, concelleiro de Turismo e Defensa do Consumidor da Cámara Municipal de Braga; Rui Marques, director xeral da Asociación Comercial de Braga; e Joaquim Figueiredo, desde a perspectiva dos residentes; para dar conta, desde a súa área de traballo, das demandas e necesidades das persoas consumidoras.