- A exposición ‘Os Benfeito e os ODS’ pode visitarse ata o día 23 no Centro Cívico San Diego
Este xoves presentouse na cidade da Coruña a exposición Os Benfeito e os ODS, unha mostra organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Mercadona que ten por obxectivo divulgar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) entre os veciños da cidade.
Ao acto, celebrado no Centro Cívico San Diego, asistiu o secretario xeral da asociación, Miguel López, a directora de relacións externas de Mercadona en Galicia, Asturias e Cantabria, Carmen Fernández, a concelleira de Industria, Innovación, Comercio e Consumo, Eva Martínez, e a técnica superior de Consumo da OMIC, Lidia Blanco.
“O que intentamos con esta exposición é facer fincapé en oito dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, desde o aforro enerxético e da auga, o consumo responsable, a planificación das compras ou o desperdicio alimentario”, explicou o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López.
Nesta liña, a concelleira Eva Martínez subliñou o compromiso do Concello da Coruña coa sostibilidade e o consumo responsable “traballando de forma transversal desde todas as concellerías”.
Desde a UCGAL instouse á sociedade galega a comprometerse co coidado do medio ambiente e a facer valer os seus dereitos como persoas consumidoras “ante as administracións competentes”.