- Tamén alertan dos perigos dalgunhas ofertas por parte das compañías eléctricas
Desde a declaración do estado de alarma pola pandemia do coronavirus son varias as medidas que se están a tomar nas relacións de consumo para adaptalas á actual situación. A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) continúa a traballar para manter informadas ás persoas consumidoras e pon a lupa sobre aquelas actuacións que ameazan os seus dereitos.
Recuperación dos cartos das viaxes combinadas. Por mor da COVID-19 están sendo canceladas moitas viaxes combinadas, aquelas nas que se contratan polo menos dous servizos (transporte e aloxamento, por exemplo) de forma conxunta cunha axencia. Seguindo o Real Decreto 11/2020, arriba mencionado, establécese que os viaxeiros e viaxeiras afectados teñen dereito ao reembolso dos cartos que gastaron nesa viaxe ou, como alternativa, a un bono por dita contía cun período de validez dun ano desde o fin do estado de alarma. No caso de non ser consumido, solicitaríase a devolución do seu importe.
Desde UCGAL informan de que algunhas axencias de viaxes non están a cumprir con esta obriga, negándose a devolver o diñeiro, ben sexa porque non contemplan facelo, aínda tratándose dunha causa de forza maior, ou porque os organizadores da viaxe (aeroliñas, hoteis, etc.) non lles reintegran as correspondentes contías. Ademais, consideran que estas empresas deben garantir o goce dos bonos ante a incerteza actual, pois no caso de que botaran o peche, as persoas consumidoras poderían perder a viaxe e, polo tanto, o seu diñeiro.
Aprazamento de facturas eléctricas. Ante a paralización dunha gran parte da actividade económica do país, as solicitudes de aprazamento do pago de servizos básicos, como a electricidade, ocupan unha porcentaxe importante das demandas que chegan á UCGAL. Algunhas eléctricas fixéronse eco desta preocupación e ofrecen a posibilidade de adiar e fraccionar o cobro das facturas. Hai casos nos que a opción de retrasar o pago dos recibos só llela presentan aos clientes que pertencen ao mercado libre, quedando excluídos os do mercado regulado.
Desde esta asociación mostran a súa preocupación por este tipo de ofertas que fomentan o cambio, de forma oculta, do mercado regulado, máis barato para os consumidores domésticos, ao libre. Segundo os últimos datos do Panel de Fogares CNMC sobre electricidade e gas, elaborado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, o 64% e o 70% dos fogares españois descoñecen en que mercado teñen contratado a subministración de luz e gas natural, respectivamente.
Ante isto, UCGAL esíxelle ás eléctricas informar debidamente á súa clientela sobre as condicións de cada oferta e non aproveitarse da situación de crise que están a vivir.