A Unión de Consumidores de Galicia, preocupada polo aumento de vivendas turísticas na comunidade

2 minutes read
  • Trátase dunha problemática que afecta xa de forma conxunta a toda a sociedade e non só a determinados sectores económicos

Co obxectivo de poñer o foco sobre esta realidade e buscar solucións ao respecto, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) sumouse no seu momento á Plataforma pola regulación das vivendas turísticas en Galicia, nada no seo de Santiago de Compostela, e na cal están presentes diversos actores da actividade turística, desde a hostalaría, firmas de xestión de pisos turísticos, axencias inmobiliarias, unha asociación de apoio á mobilidade transnacional do estudantado e dúas asociacións veciñais compostelás.

Non obstante, a entidade decidiu desmarcarse deste colectivo porque no tempo no que estiveron a reunirse en ningún momento se puxera enriba da mesa a preocupación social polo acceso á vivenda ata que esta asociación a manifestou. Por iso, e a pesar do xiro que se adoptou no manifesto presentado este martes pola plataforma, a Unión de Consumidores de Galicia considera que seguen a fallar na defensa firme do dereito á vivenda, asunto sobre o que non se pronuncian en todo o comunicado.

O secretario xeral desta organización, Miguel López Crespo estima que “o interese xeral da cidadanía é o realmente importante” ante o “aumento desbocado” da vivenda para uso turístico. “É necesario regular a proliferación da vivenda turística pero tendo claro que se trata dunha problemática que vai máis alá do interese de certos sectores cuxa actividade económica ten como eixo central o turismo”.

“A problemática do acceso á vivenda non se soluciona só perseguindo ás vivendas de uso turístico ilegais porque estas poderían regularizar a súa situación e o problema da escasa oferta de vivenda residencial quedaría sen resolver”, apunta López Crespo.

A Unión de Consumidores de Galicia reuniuse o pasado mes de febreiro co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e coa concelleira de Políticas Sociais, Milagros Castro Sánchez, para solicitarlle ao Concello a participación da entidade nas mesas que poñan en marcha para tratar o descontrol na vivenda turística na capital galega.