A Unión de Consumidores de Galicia reúnese con afectados por ‘phishing’ bancario

UCG.

Máis de 60 persoas ás que se lle suman outras 30 que contactaron directamente coa asociación, acudiron no día de onte á xuntanza convocada por Unión de Consumidores de Galicia no Edificio Cersia en Santiago de Compostela.

Un dos obxectivos desta xuntanza era tentar aproximarse á magnitude desta problemática tanto en relación co número de posibles afectados como nos importes subtraídos, e desde Unión de Consumidores de Galicia podemos afirmar que as nosas previsións quedaban bastante curtas. Segundo as estimacións da organización, o número de afectados supera sen dúbida o centenar e os importes subtraídos achéganse ao millón de euros.

A maior parte das persoas asistentes amosaron a súa vontade de permitir que Unión de Consumidores de Galicia as represente nun proceso de negociación coas entidades financeiras na procura dunha solución extraxudicial. Non obstante isto a organización considera que esa negociación debe ser moi breve xa que logo o que está en xogo é o diñeiro das vítimas e Unión de Consumidores de Galicia non contribuirá a retrasar o inicio das accións de natureza xudicial nas que xa traballa e da cuxa viabilidade non dubida se atendemos a distintas resolucións xudiciais sobre esta materia, como é o caso do pronunciamento da Audiencia Provincial de Pontevedra contra Abanca o pasado mes de abril.

Do mesmo xeito, o Secretario Xeral da organización, Miguel López Crespo, anunciou aos asistentes que viña de solicitar unha xuntanza co Delegado do Goberno en Galicia, Xosé Miñones, a quen lle trasladará a importancia do traballo que desenvolven as forzas e corpos de seguridade nas investigacións destas fraudes, en aras a determinar a existencia de debilidades ou vulnerabilidades dos sistemas e protocolos dos servizos de banca electrónica e banca móbil das entidades financeiras.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha