A Unión de Federacións Deportivas Galegas teme unha hecatombe


A Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega), considera excesivas algunhas das limitacións postas en práctica polo coronavirus. Ufedega advirte do perigo de quebra das federacións asociadas, así como a posible desaparición de clubs e ximnasios se non se adecúan os protocolos.

«O deporte galego está a pasar un dos momentos máis difíciles da súa historia», comentan os responsables de Ufedega nun comunicado, que admite o «escenario económico incerto» e os «retos» que a pandemia implica.

A asociación afirma: «Atopámonos cunha paralización da práctica deportiva de contacto e de combate afeccionado que xa vai máis aló dos seis meses e que é difícil de soportar para as federacións e os nosos clubs», que «se atopan nunha grave situación de viabilidade». E matizan: «É unha realidade difícil de entender para o deporte, xa que non hai ningunha outra prohibición de tal calibre en ningún sector da sociedade».

A Unión de Federacións Deportivas Galegas manifesta «a necesidade de salvar e pelexar polo presente e futuro do deporte federado de Galicia». Piden «axuda, empatía e solucións» para un sector cuxo peso supón o 2,63% do PIB galego, do que dependen 272.000 deportistas, máis de 15.000 familias e que proporciona ingresos recorrentes a 2.300 empresas.

As dezasete federacións afectadas -o 70 das licenzas deportivas en Galicia-, as entidades e os deportistas estiveron traballando durante meses en protocolos para recuperar a actividade. Piden regresar «coa máxima seguridade sen perder a esencia das súas disciplinas, con cautela e respecto, pero sen medo».

Esixen ás autoridades que teñan en conta esta situación e que se coordinen para elaborar un protocolo marco. E estiman que se nas dúas próximas semanas non se pon fin á paralización da actividade, a inactividade prolongarase xa ata 2021, o que supoñerá na práctica a desaparición de numerosas entidades.