A United States Lighthouse Society visitou o Faro Vilán

2 minutes read

A asociación de amigos dos faros considerada como a máis grande e coñecida dos Estados Unidos, a United States Lighthouse Society, puido coñecer e visitar o Faro Vilán de Camariñas, ao que cualificou como “o máis magnífico” do seu percorrido pola costa Cantábrica, no que visitaron 37 faros.

Foron 23 socios e socias desta entidade, con idades que oscilan entre os 61 e os 91 anos, os que participaron na expedición. Divididos en dous grupos, subiron á torre e, na sala de exposicións, puideron desfrutar dunha presentación sobre o faro, a historia do HMS Serpent e o Cemiterio dos Ingleses e tamén dunha visita ao museo.

A sensación xeral entre os participantes era de asombro e sorpresa ante a paisaxe que presenciaron e as explicacións que recibiron sobre a historia do faro, de Camariñas e da Costa da Morte en xeral. Segundo o vicepresidente da entidade, Henry I. González, foi “o faro máis magnífico” do seu percorrido pola Costa Cantábrico e “de todos os que visitaron, co que un fareiro se identifica máis, pola torre, pola historia e polo emprazamento”.

Dentro do grupo coñecéronse historias curiosas, como a de Darlene Chisholm, de 77 anos, que visitou co seu marido, falecido antes da viaxe, un total de 4.400 sinais marítimas de todo o mundo, desde o ano 1969. El foi o que lle dixo que fóra forte e non faltara a esta viaxe pola costa Cantábrica. Tras a visita tivo lugar a recepción institucional, por parte da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes, o xefe de división de mantemento da Autoridade Portuaria da Coruña, Jorge González Martínez, e a presidenta da Asociación de Empresarios e Sector Turístico de Camariñas, Olga Campos.

Os obxectivos da organización son a formación dos socios, e do público en xeral, así como da importancia histórica dos faros e os fareiros e tamén a colaboración na conservación destas edificacións históricas. Unha das súas actividades periódicas son as viaxes por EEUU e o resto do mundo visitando faros e aprendendo dos retos que teñen nos distintos lugares, ofrecendo axuda e coñecemento sobre conservación ás entidades e persoas encargadas.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?