A Universidade da Coruña únese ao programa de voluntariado municipal

1 minutes read
  • Coas novas incorporacións da UdC, o programa xa suma un total de 531 voluntarios

O voluntariado da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña comeza a colaborar no dispositivo que puxo en marcha o Concello da Coruña, con motivo do COVID-19, para asistir presencialmente facéndolles recados a persoas con especial vulnerabilidade e mobilidade reducida e tamén para atender as chamadas da liña telefónica gratuíta «Acompáñote«, que axuda a combater a soidade durante o confinamento.

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación ofrécelle á institución educativa a detección das necesidades que a veciñanza presenta durante o estado de alarma. Pola súa banda, a UdC préstalle ao concello os servizos das persoas voluntarias da súa Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) para que se sumen aos 531 voluntarios e voluntarias cos que xa contaba até o momento esta Administración local.