A Universidade de Santiago premia a Beiras polo seu labor en favor do galego


A Universidade de Santiago de Compostela concédelle por unanimidade o premio Luis Porteiro Garea ao profesor xubilado da institución e histórico político Xosé Manuel Beiras Torrado polo seu “labor activo a favor da lingua galega”. Beiras Torrado desenvolveu “un papel activo na promoción do uso do galego no ámbito da xestión, tanto como director de departamento durante máis de dez anos como na xestión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro do que foi decano puntualmente no ano 1972 e posteriormente entre 1982 e 1984”, subliñou a acta do xurado. Beiras tamén destacou pola súa actividade de difusión do coñecemento con artigos en galego na prensa da época e nas conferencias e seminarios en diferentes foros de Galicia. Destaca tamén “o seu compromiso co idioma galego na súa dilatada traxectoria de intervención na vida política do noso país” e tamén promovendo e apoiando todo tipo de iniciativas sociais, culturais e lexislativas a favor do galego como idioma oficial.