Un equipo da Facultade de Física da USC, en colaboración coa Xunta de Galicia, desenvolveu o espazo web ventilacion.usc.es, unha aplicación online froito dun traballo de investigación académica que agora, coincidindo co inicio do segundo trimestre, se pon a disposición dos centros escolares de maneira voluntaria.
O obxectivo é optimizar o tempo de ventilación nas aulas -necesario para renovar o aire interior- en función das características propias dos centros escolares, tendo en conta a súa contorna e localización e as condicións climatolóxicas facilitadas por Meteogalicia. Desa maneira, mellorarase o confort térmico nas aulas durante os meses de inverno. Para iso, os investigadores establecen estratexias de ventilación baseadas nas instrucións aprobadas o pasado mes de outubro polo Comité Educativo co aval do Comité Clínico. Estas indicacións, en liña coas existentes no resto de España, sinalan a ventilación periódica como un elemento imprescindible na prevención fronte á covid-19.
A primeira vez que accedan ao sistema, deberán achegar os datos básicos das aulas para as que desexan obter recomendacións específicas (tipoloxía dentro dun menú despregable, localización, orientación xeográfica, superficie total e de ventilación, altura, media de alumnado, etc). A partir desa información, e cruzada coa predición meteorolóxica, obterán un resumo de datos así como pautas de ventilación.
Esta completa información permite adaptarse aos diferentes usos das aulas e mesmo a centros con horarios diferentes. Así mesmo, pode xerarse un informe en formato pdf para distribuílo entre o claustro de profesores ou nas diferentes aulas.