- A proba está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo
Malpica acollerá o 10 de setembro a V Carreira Pedestre tras dous anos parón pola pandemia. Este luns o alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro, presentaron a proba na Casa do Concello destacando que este ano o percorrido será menos duro ao evitar os chanzos da praia de Seaia. Ademais, hai novidades: de forma paralela celebrarase un concurso de fotografía sobre a carreira e tamén está prevista unha actuación musical na rúa principal para animar o ambiente unha vez remate a proba.
A carreira, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, contará con catro distancias: a absoluta (10.000 metros); as sub-12, sub-14 e sub-16 (2.100 metros); a sub-10 (740 metros) e a categoría biberón (100 metros).
As inscricións xa poden formalizarse a través da web championchipnorte.com. Por cada persoa inscrita a organización doará 1 euro á Asociación Española Contra o Cancro. Os trofeos que se entregarán aos deportistas serán pezas de olería de Buño.