A V Primavera no Camiño Inglés encherá Sigüeiro de actividades este domingo

1 minutes read

A alameda de Góis en Sigüeiro (Oroso) acollerá este domingo 12 de xuño a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, que foi adiada por razóns de seguridade o pasado sábado 4 de xuño debido a unha tormenta con aparato eléctrico. A pesar do aprazamento, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que organiza a iniciativa en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, foi quen de manter practicamente a mesma programación.

A xerente da Asociación, Cristina García, explica que “da programación inicial só tivemos que borrar dúas actividades: o espectáculo de Xacarandaina, que xa tiña reservada a data; e a degustación da tortilla de Betanzos. O resto da programación mantense sen cambios, cunha vintena de actividades totalmente gratuítas e para todos os gustos: showcookings, actuacións de música tradicional, espectáculos de maxia, presentacións de proxectos, obradoiros infantís e para adultos e degustacións de produtos típicos”.