A vacina española contra o covid estará lista neste semestre, segundo Pedro Sánchez


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirmou que a vacina española do coronavirus podería estar lista no primeiro semestre de 2022, e acurtou os prazos de produción que se barallaban ata o momento para finais de ano. A empresa Hipra, con sede en Amer (Xirona), traballa nun modelo propio de vacina do que se prevén 600 millóns de doses e produce un reforzo para persoas que recibiron previamente a vacina de Pfizer. A futura vacina española presenta «moi bos resultados e moi boa resistencia» fronte á variante ómicron, segundo probas preliminares que avanzou a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant. A Axencia Española do Medicamento ten que dar luz verde á terceira fase de ensaios, nos que participarían 3.000 persoas e que levará a cabo en 15 hospitais españois e tamén doutros países como Portugal e Italia.