A veciñanza da Laracha recibe 75 composteiros domésticos

Nun acto celebrado na Casa da Cultura da Laracha o Concello e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) fixeron entrega dos setenta e cinco composteiros aos veciños que solicitaran previamente formar parte deste programa que ten por finalidade a reciclaxe da materia orgánica en orixe para reducir a carga de residuos sólidos urbanos depositados no colector xenérico verde, evitando darlle un tratamento que polas características do material non é necesario.

No acto, persoal técnico de Sogama impartiu unha sesión informativa sobre o correcto emprego dos composteiros e tamén se entregou a cada beneficiario da iniciativa un manual de uso en papel.

As persoas que empregarán estes composteiros domésticos -cedidos de xeito gratuíto- contribuirán ao respecto ao medio ambiente e tamén obterán beneficios a nivel económico de xeito indirecto ao poder empregar como abono o compost producido.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, apuntaron que cada ano no Concello da Laracha son depositadas unhas 3.700 toneladas de residuos sólidos urbanos no contedor xenérico e que o gasto da recollida, transporte e tratamento ascende a 300.000 euros. Por iso destacaron a necesidade de tomar medidas tanto desde as administracións como desde as propias vivendas para reducir estas cifras. Nese sentido, os representantes do goberno local agardan que a implantación da quinta fracción de recollida selectiva (contedor marrón de orgánicos) supoña unha diminución do corenta por cento no volume total de toneladas transportadas á planta de Sogama para o seu tratamento.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha