A veciñanza de Carballo depositou no 2020 case 200.000 prendas nos contedores de roupa e calzado

1 minutes read
  • O uso dos colectores xestionados pola ONG Humana incrementouse en máis dun 40% nos últimos seis anos

A Fundación Humana, que promove a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, recolleu o ano pasado en Carballo 88 toneladas de téxtil usado, que equivalen a 199.700 prendas. O uso dos contedores específicos para este tipo de residuo incrementouse con respecto ao ano anterior nun 7,42% a pesar de que o servizo estivo interrompido durante un mes debido á pandemia. Deste xeito, o aumento acumulado nos últimos seis anos sitúase por riba do 40%.

Nestes momentos, en Carballo hai 34 puntos de recollida de téxtil, distribuídos tanto pola zona urbana coma pola rural. Froito da boa resposta da veciñanza, Humana escolleu este municipio para poñer en práctica xa no ano 2019 unha experiencia piloto que ten como finalidade acadar os obxectivos do 55% de reciclaxe de residuos establecidos pola UE para o ano 2025.

Carballo conta cun contedor por cada 900 habitantes, mentres que a media española é de un por cada 5.000. “Queremos certificar que unha contenerización correctamente dimensionada é clave para recuperar unha maior cantidade de téxtil e cumprir os obxectivos da Unión Europea en materia de residuos”, explica o responsable de Humana en Galicia, Ricardo Rodríguez, que quixo agradecer “a solidariedade e a confianza dos veciños e veciñas do concello carballés”.