Máis dun cento de veciños e veciñas do concello de Zas acudiron á reunión convocada polo goberno municipal e deixaron clara a súa postura este venres ante os problemas derivados da falta de persoal sanitario no centro de saúde de Zas: piden que se normalice canto antes a cobertura da praza dun dos médicos titulares no centro de saúde de Zas e que se cubra a praza de pediatría.
Durante a reunión informativa que tivo lugar no Centro Sociocultural de Zas, o alcalde Manuel Muíño explicou ao público asistente que están traballando para solucionar o máis pronto posible esta situación que está tendo un impacto directo na atención sanitaria da poboación desde hai un par de meses.
A primeira medida adoptada na xuntanza foi unha recollida de firmas para solicitar que se cubra de forma estable a praza de pediatra. “A situación que estamos a vivir no concello de Zas é insostible e irrespectuosa”, aclarou o rexedor, quen subliñou que “entendemos que a falta de persoal sanitario non é só un problema do noso concello pero o que non pode ser é que os nosos menores teñan que trasladarse ata o centro médico dun concello limítrofe como é Vimianzo para que os atendan, tendo como temos unha praza de pediatra no noso concello sen cubrir”.
Pero á falta de pediatra no municipio de Zas tamén se unen as diferenzas para pedir unha cita médica en Vimianzo. “Os nosos veciños só poden pedir cita telefónica pois non lles é posible facelo pola Internet a diferenza dos veciños de Vimianzo, que si teñen esa posibilidade”, explicou o alcalde. En conversas co SERGAS para solucionar esta diferenza de acceso, o organismo autonómico comunicou ao goberno local de Zas que isto se debe ao programa informático e que valorarán se se poden dar as peticións de cita online para a veciñanza de Zas.
Outra das situacións que se abordaron durante a reunión informativa foi a regularización da praza dun dos médicos titulares no centro de saúde de Zas. Desde o goberno local sinalan que nas últimas semanas unha das prazas de médico do centro de saúde laboral de Zas se cubre de xeito provisional por horas e que mesmo hai días nos que non hai posibilidade de consulta con ese médico. “Nun servizo esencial como é o da sanidade pública, e dentro desta, un servizo fundamental como é o da atención primaria, esta situación non se pode pospoñer máis”, destacou Muíño. O rexedor tamén expuxo que por informacións dadas dende o SERGAS, o día 23 deste mes este problema estará solucionado. “Confiaremos nesa marxe de espera pero estaremos vixiantes, pois esta situación ten que mudar xa”, subliñou.
O alcalde agradeceu a participación da veciñanza nesta reunión informativa e recalcou que co apoio amosado sempre pola mesma durante todos estes anos o Concello tomará as medidas necesarias para que un dereito fundamental como é a sanidade pública no concello de Zas volva ao normalidade.
O PSdeG de Zas mantén tamén activa a reivindicación dunha praza de pediatría e melloras no centro de saúde
A concelleira socialista, Sheila Rial, participou tamén na reunión convocada polo Concello sobre a situación do Centro Médico de Zas, á que acudiu, segundo explicou, para escoitar as demandas da veciñanza.
Durante o encontro abordouse a falta de pediatra no municipio, unha cuestión que, segundo lembrou Rial, xa fora trasladada á Xunta en xullo de 2024 tras unha reunión con nais que anteriormente formaban parte da Plataforma Zas sen Recortes en Pediatría, a través da deputada Patricia Iglesias.
“Seguimos sen pediatra. Non é un tema esquecido, segue enriba da mesa e será debatido e continuarase esixindo responsabilidades”, afirmou.
Na reunión tamén se abordaron outras necesidades do centro de saúde, entre elas a falta de accesibilidade das instalacións.
O PSdeG de Zas insiste en que continuará realizando seguimento institucional destas cuestións e mantendo contacto coa veciñanza ata que se produzan avances concretos.