O período de prohibición da captura desta especie durante este ano vai das 16.00 horas do venres 20 de maio ás 05.00 horas do martes 4 de xullo. Non obstante, as capturas desembarcadas o 20 de maio poderán ser comercializadas tamén o 21 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.
A veda significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo. A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan da especie coa finalidade de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.